Unha vez lido o último tomo de Fábulas, Supergrupo, e despois do novo taboleiro de xogo que nos deixou o número 100, só se pode dicir unha cousa: Fábulas está moi ben, pero os números de recheo sobran.
Despois dun baixón considerable, posiblemente relacionado coa serie Jack of Fables, o anterior tomo, Rosa Roja, deixara un gran sabor de boca. A serie parecía que volvía polos camiños que fixeron que se convertise nunha das grandes series de Vertigo.
Neste último tomo (números 101 a 107, e esa é outra, manter o nivel dunha serie durante máis de 100 números é unha tarefa complexa, se tivese rematado cando se resolveu a incognita que durante moitos números foi o fío conductor da serie estaríamos a falar dunha obra redonda, pero eso provocaría non poder ler tomos coma Brujas e Rosa Roja...)
A historia do Supergrupo, 5 números dos 7, está moi ben. Referencias á cultura do cómic de superheroes, evolución da historia principal (con ese sorprendente final)... O debuxo de Mark Buckingham segue a ter un gran nivel e pódese dicir que as súas versións dos personaxes dos contos ficaran no imaxinario de tódolos lectores da serie.
Pero... ¿Realmente son necesarios os números de recheo? Son malos, provocan que te enfades bastante cando os les, ata chegar a pensar en pasar de lelos. E, intentando non facer ningún spoiler, o número 101 é do peor, ten toda a pinta de acabar nun conxunto de números de recheo dignos de rivalizar coas peores aventuras de Jack of Fables. Espero trabucarme, pero ten moi mala pinta.
¿Non poderían aprender de Scalped e que os números de recheo aportasen algo? ¿Non sería mellor ler só 8 números dunha serie nun ano que 12 números con multitude de recheos?
Está última pregunta leva consigo a da supervivencia do formato comic-book, pero ese é outro tema que non vai a ser tratado nesta entrada do blog.