viernes, 28 de octubre de 2011

Los viajes de Tuf

Agora que parece que George R.R. Martin está de moda é o momento de analizar a súa obra , alomenos o que teño lido eu,  sen entrar na agora famosa saga de A song of Ice and Fire.

O primeiro libro que lin de George R.R. Martin foi Los viajes de Tuf (1986). É un libro que recompila 7 relatos escritos entre os anos 1976 e 1985 nos cales o protagonista é Haviland. Tuf, mercader que se convirte en enxeñeiro ecolóxico no momento que "adquire" a Arca, unha xigantesca nave espacial.

A pesares de que o primeiro relato, La estrella de la plaga, unha especie de Alien o 8º pasaxeiro onde se explica como conseguiu Tuf a Arca, sexa o máis diferente en relación ós outros sete, non creo que ninguén se bote atrás na lectura porque o que ven a continuación é realmente bo. 

Unha serie de temas como  son a superpoboación e a falta de alimentos, a ecoloxía, a relación cos animais (eses gatos que son outros protagonistas máis do libro)... E como non, a forma de tratar ós personaxes, dotalos dunha personalidade propia e complexa, cos seus conflictos interiores, de tal maneira que chegas a empatizar, ou non, totalmente con eles,  fan que as páxinas avancen a unha velocidade sorprendente e te atopes reflexionando sobre a forma na cal aborda os distintos problemas Haviland Tuf.

Os relatos que compoñen o libro son relatos de ciencia ficción pero non entran en terreos farragosos, tales como a excesiva descripción tecnolóxica nin o abuso de terminoloxía científica ou pseudo-científica. A súa lectura é moi rápida e faise moi divertida. Para min, os mellores relatos son Una bestia para Norn e o conxunto formado por Los panes y los peces, Una segunda ración e Maná del Cielo. Estes son relatos que amosan claramente o carácter de Tuf e fan unha gran análise da forma de comportarse da sociedade fronte ós problemas e a súa solución.

Mención aparte merece a portada escollida para a nova edición, ahí aproveitando o tirón de A Game of Thrones de xeito pouco sutil. Pero que o posible comprador-lector non se leve a enganos, pode que non sexa o un novo volume de A song of Ice and Fire, pero este libro é un dos mellores que podes levar para casa co obxectivo de pasar un rato divertido durante a súa lectura, o bo de Haviland Tuf ben merece unha oportunidade.

PS: Xa facía tempo que non escribía, ou eso parece. Vai ter razón Zeke que son un pouco lacazán.