sábado, 12 de noviembre de 2011

Scalped - Has de pecar para salvarte

Scalped, serie Vertigo de DC que edita Planeta DeAgostini Comics, é a serie que provocou que o meu prestixio como entendido de comics aumentase varios niveis, tal como dixo Zeke na súa páxina dos venres en Banda Deseñada.

Non creo que exista mellor maneira de despedida das tertulias dos sábados que facer un comentario, sen SPOILERS ou eso espero, do último tomo publicado en España: Has de pecar para salvarte.




Só se me ocurre unha cousa: Jason Aaron e R.M. Guéra volvérono a facer. Pode que Jason Aaron sexa moi criticado polo seu labor en Marvel, que provocou algunha que outra discusión algún sábado: que se Lobezno é un Bluff, que non me toques ó Punisher, menuda merda a miniserie esta que non se merece esta edición en tapa dura. Aquí eu non podo entrar que non lin nada de Jason Aaron, quitando Scalped. E Scalped son palabras maiores.

No transcurso da serie, Jason Aaron  utiliza moitos trucos que obrigan ó lector a pensar, a involucrarse na lectura. Desde números en paralelo, historias que teñen lugar no pasado que explican os acontecementos do presente, o uso da elipse narrativa, saltos na historia que explican unhas páxinas máis adiante ou retomar tramas da historia que xa pensabas que estaban esquecidas, pero que estaban ahí por algo. Por no falar dos cliffhangers ó final de cada número ou cada tomo, do mesmo nivel que Los muertos vivientes, mesmo superiores.

Ademáis que dicir dos personaxes. Eu definiríaos coma personaxes poliédricos porque teñen moitas caras, e todas elas ben definidas: desde a personalidade interior, a que amosan ós coñecidos, a que amosan ós descoñecidos, a que tiñan no pasado e mesmo segundas personalidades ou identidades. (O de poliédricos supoño que o teño lido nalgures, pídolle perdón ó autor por non identificalo, non creo que sexa idea orixinal miña).

E posto que non quero facer ningún spoiler da historia, só vou dicir unha cousa, ou dúas, sobre este tomo.

A primeira parte son dous números con dúas historias independentes, que como ven sendo habitual na serie non entorpecen para nada a historia principal da serie. A continuación ven o mellor, un dos grandes momentos da serie: unha historia en 5 números con ramas paralelas (un pouco retortas) que parece deixar as cartas enriba da mesa. 

Grande, apoteósico. Se xa estás a ler a serie, non sei a que esperas para mercar e ler este tomo, se non eres seguidor, non sei a que estás esperando, corre.

E xa para rematar: As portadas de Jock... Esto... ¿Do mesmo nivel que os comics Marvel de Jason Aaron?

martes, 8 de noviembre de 2011

Las aventuras de Tintín: El secreto del Unicornio

Este domingo fun ó cine ver a película Las aventuras de Tintín: El secreto del Unicornio. Cousa que te avisan así, como quen non quere a cousa, e te animas a ir ó cine.

Despois de moito tempo sen ir (Death Proof) fai xa uns meses entrei outra vez no mundo dos consumidores de películas en pantalla grande. As dúas experiencias anteriores foron moi diferentes: Green Lantern (película mala con ganas) e Super 8 (unha película moi divertida, perfecta para pasar unha tarde, a pesares do final un pouco decepcionante para o meu gusto).

E nada, fomos a ver Tintín os habituais nas tertulias de Banda, e esta é a miña impresión.

A película está ben feita, ten un ritmo moi rápido, tal vez demasiado rápido, posto que tende a acelerar a narración nalgúns momentos, e parece que o que fai é xuntar e xuntar cousas.

A película ten varias partes diferenciadas, coma se se tratase de un conxunto de episodios enlazados, feito que posiblemente se deba a que a película bebe de varios albums de Tintin: "El secreto del Unicornio", "El cangrejo de las pinzas de Oro" e "El tesoro de Rackham el Rojo" 

O comezo, coa historia das maquetas do Unicornio, a primeira incursión en Moulinsart e a aparición do Karaboudjan é para mín a mellor parte da película, moi rápida e divertida. A segunda "historia" relacionada coa fuga do Karaboudjan, o deserto e a cidade de Bagghar tamén está ben, pero tal vez sexa un pouco "aloucada" cun exceso de ritmo e falta de realidade... aínda que a secuencia-plano da "captura das 3 mensaxes" é puro espectáculo.

A parte final posiblemente sexa o máis frouxo dos tres bloques, moi acelerado, e cunha confrontación final a golpes de metal que non sei a que ven (o que viu a película sabe a que me refiro,  o que non, espero non estropearlla) . A continuación ven o "final Spielberg", que non me gusta, pero que se lle vai facer.

Eso sí, a película ten moito ritmo, en ningún momento te vas aburrir aínda que é moi posible que non a disfrutes tanto se tes 30 anos como se tes 10. É a película perfecta para levar ós teus fillos, sobriños... ó cine e preparar o agasallo de Nadal co obxectivo de introducilos na lectura. Aposto a que os albums  de Tintin van a ser un dos agasallos estrela destas festas de Nadal, tal e como eran na miña xuventude.

Con respecto á banda sonora, John Williams aporta o seu toque na película con multitude de temas diferentes tanto descriptivos como asociados a personaxes.Non hai ningún tema "máxico" como en Star Wars ou Indiana Jones, pero acompaña as imaxes de xeito perfecto. A mín a banda sonora lembrame moito as de Harry Potter con motivos cómicos e de suspense por toda a película. Unha banda sonora moi divertida.



domingo, 6 de noviembre de 2011

Os sábados en Banda Deseñada

Hai rumores de que vou ter que ler o Green Manor de Fabien Vehlmann & Bodart.

Son cousas que pasan. 

Tamén sería recomendable facer unha reseña, pero eso xa é outra historia. A primeira vista ten moi boa pinta, moi boa.

E a verdade é que sí, tal como di o amigo Zeke no seu curruncho en Banda Deseñada, parece que tamén se van acabar as charlas, discusión, compartir opinións... cos sospeitosos habituais dos sábados pola tarde en Banda.

Hai veces que toca de todo: cine, cómic, frikadas, fútbol (de alto voltaxe, e eso que o Deportivo-Celta é para a semana que ven...), musculación, prevención de riscos laborais, quen está máis boa... De todo un pouco.

Realmente foi un placer compartir a miña escasa cultura nalgúns temas, non tan escasa en outros, que sempre provoca momentos divertidos e curiosos como que te comparen con Ted Mosby... Xa non me lembro cal foi a frase exacta, pero foi un momento divertido.

E pouco máis hai que dicir. Como din en Apollo XIII, unha gran película para sacar citas:

Gentlemen, it's been a privilege flying with you.

jueves, 3 de noviembre de 2011

Sueño del Fevre

Sempre está ben ter unha irma que che faga agasallos polo cumpreanos e se o agasallo é Sueño del Fevre, mellor que mellor.

Sueño del Fevre é unha novela de George R.R. Martin de vampiros (si, de vampiros). Realmente é unha magoa non tela lido no ano 1982, ano no que foi escrita, porque para min é unha novela que lle da un novo punto de vista á literatura vampírica. 

É moi posible que non todo este boom moderno dos vampiros dado polo fenómeno Crepúsculo, o achegarse a unha novela de vampiros sexa algo que se faga con medo... Nada máis lonxe da realidade. Aquí non hai ñoñerías, o que hai é unha gran novela de personaxes, situada no Mississippi dos vapores, antes da Guerra Civil estadounidense.

Os personaxes deste libro son incribles. Abner Marsh, Joshua York, Damon Julian e Billy Vinagre son personaxes xeniais. Todos eles ben definidos, cunha personalidade completa e cunhas relacións entre personaxes moi ben tratadas ó longo da novela.  Todos eles teñen os seus soños, os seus intereses... quedando perfectamente identificados no libro, que debe o seu nome ó vapor que Joshua York lle encarga construir a Abner Marsh, que será o punto que inicie a relación entre estes dous personaxes.

Ademáis destes 4 protagonistas principais, está toda unha serie de secundarios coma son os principais membros da tripulación e un conxunto de vampiros que se debate entre dúas formas de ser totalmente diferentes. Por non falar da identificación vampiros-gando fronte blancos-negros, feita na época na que está ambientado o libro.

Un gran libro, onde non todo é o que parece. George R.R. Martin utiliza esto de maneira fabulosa para crear algúns momentos espectaculares do libro, como son as sospeitas de Abner Marsh sobre Joshua York. Destacaría ademáis os conflictos entre as dúas maneiras de enfrontar o ser un vampiro ou o apoteósico final do libro. Pero hai tal cantidade de grandes momentos no libro, que escoller só uns poucos semella despreciar os outros.

Monta no Sueño del Fevre e disfrutarás dunha viaxe inesquecible, con momentos de terror impresionantes e aventuras incribles. Non te arrepentirás.