martes, 8 de noviembre de 2011

Las aventuras de Tintín: El secreto del Unicornio

Este domingo fun ó cine ver a película Las aventuras de Tintín: El secreto del Unicornio. Cousa que te avisan así, como quen non quere a cousa, e te animas a ir ó cine.

Despois de moito tempo sen ir (Death Proof) fai xa uns meses entrei outra vez no mundo dos consumidores de películas en pantalla grande. As dúas experiencias anteriores foron moi diferentes: Green Lantern (película mala con ganas) e Super 8 (unha película moi divertida, perfecta para pasar unha tarde, a pesares do final un pouco decepcionante para o meu gusto).

E nada, fomos a ver Tintín os habituais nas tertulias de Banda, e esta é a miña impresión.

A película está ben feita, ten un ritmo moi rápido, tal vez demasiado rápido, posto que tende a acelerar a narración nalgúns momentos, e parece que o que fai é xuntar e xuntar cousas.

A película ten varias partes diferenciadas, coma se se tratase de un conxunto de episodios enlazados, feito que posiblemente se deba a que a película bebe de varios albums de Tintin: "El secreto del Unicornio", "El cangrejo de las pinzas de Oro" e "El tesoro de Rackham el Rojo" 

O comezo, coa historia das maquetas do Unicornio, a primeira incursión en Moulinsart e a aparición do Karaboudjan é para mín a mellor parte da película, moi rápida e divertida. A segunda "historia" relacionada coa fuga do Karaboudjan, o deserto e a cidade de Bagghar tamén está ben, pero tal vez sexa un pouco "aloucada" cun exceso de ritmo e falta de realidade... aínda que a secuencia-plano da "captura das 3 mensaxes" é puro espectáculo.

A parte final posiblemente sexa o máis frouxo dos tres bloques, moi acelerado, e cunha confrontación final a golpes de metal que non sei a que ven (o que viu a película sabe a que me refiro,  o que non, espero non estropearlla) . A continuación ven o "final Spielberg", que non me gusta, pero que se lle vai facer.

Eso sí, a película ten moito ritmo, en ningún momento te vas aburrir aínda que é moi posible que non a disfrutes tanto se tes 30 anos como se tes 10. É a película perfecta para levar ós teus fillos, sobriños... ó cine e preparar o agasallo de Nadal co obxectivo de introducilos na lectura. Aposto a que os albums  de Tintin van a ser un dos agasallos estrela destas festas de Nadal, tal e como eran na miña xuventude.

Con respecto á banda sonora, John Williams aporta o seu toque na película con multitude de temas diferentes tanto descriptivos como asociados a personaxes.Non hai ningún tema "máxico" como en Star Wars ou Indiana Jones, pero acompaña as imaxes de xeito perfecto. A mín a banda sonora lembrame moito as de Harry Potter con motivos cómicos e de suspense por toda a película. Unha banda sonora moi divertida.



No hay comentarios:

Publicar un comentario