martes, 20 de diciembre de 2011

Planetary

Hai rumores, como di algún que outro comentario neste blog, de que son un pouco lacazán. E é certo, o de escribir no blog non é unha cousa na que sexa moi constante... Aínda que tamén se debe a que últimamente non leo moitas cousas. (Excusas, excusas...)

Teño MOITO sen ler, chega con dicir que o último que lin (con bastante tardanza desde a data de compra) foi a edición en dous tomos de Planetary de Warren Ellis e John Cassaday, unha obra que ben merece un comentario neste blog.

En primeiro lugar dicir que é unha obra totalmente recomendable. Cun guión moi ben levado, cousa sorprendente dado o tempo que levou rematala, cheo de referencias ó mundo do cómic clásico, á literatura de aventuras... Esa forma de levar a historia, facendo unha referencia constante ó que poderíamos denominar Base de datos da cultura friki, apropiándose de conceptos e personaxes para facelos seus e definir un novo mundo.

Un exemplo desto que estou a comentar é a forma de redefinir uns superheroes clásicos como poden ser os 4 Fantásticos e convertelos no que son nesta obra.

Hai que destacar que en Planetary hai dous tipos de números, os que contan a "historia no presente", cun inicio no seu número 1 apoteósico, e os números que son utilizados de xeito maxistral para contarnos a orixe dos personaxes, a historia do mundo no cal se transcurre a acción...

Segundo avanza a lectura, e vas tendo novas pezas do puzzle que forma Planetary, non che queda outra cousa que admirar a forma de tratar as personaxes (incribles todas elas: Elijah Snow, Jakita Wagner, The Drummer...). 

A nivel de debuxo John Cassaday está incrible. Se podes bótalle unha ollada á edición absolute que acaba de editar en España Norma Editorial.


Pouca cousa máis, simplemente dicir que é unha compra totalmente recomendable, para agasallar a alguén  (ou auto-agasallarse) nestas festas de Nadal. Eso sí, cómpre que teña uns bos brazos.

sábado, 12 de noviembre de 2011

Scalped - Has de pecar para salvarte

Scalped, serie Vertigo de DC que edita Planeta DeAgostini Comics, é a serie que provocou que o meu prestixio como entendido de comics aumentase varios niveis, tal como dixo Zeke na súa páxina dos venres en Banda Deseñada.

Non creo que exista mellor maneira de despedida das tertulias dos sábados que facer un comentario, sen SPOILERS ou eso espero, do último tomo publicado en España: Has de pecar para salvarte.




Só se me ocurre unha cousa: Jason Aaron e R.M. Guéra volvérono a facer. Pode que Jason Aaron sexa moi criticado polo seu labor en Marvel, que provocou algunha que outra discusión algún sábado: que se Lobezno é un Bluff, que non me toques ó Punisher, menuda merda a miniserie esta que non se merece esta edición en tapa dura. Aquí eu non podo entrar que non lin nada de Jason Aaron, quitando Scalped. E Scalped son palabras maiores.

No transcurso da serie, Jason Aaron  utiliza moitos trucos que obrigan ó lector a pensar, a involucrarse na lectura. Desde números en paralelo, historias que teñen lugar no pasado que explican os acontecementos do presente, o uso da elipse narrativa, saltos na historia que explican unhas páxinas máis adiante ou retomar tramas da historia que xa pensabas que estaban esquecidas, pero que estaban ahí por algo. Por no falar dos cliffhangers ó final de cada número ou cada tomo, do mesmo nivel que Los muertos vivientes, mesmo superiores.

Ademáis que dicir dos personaxes. Eu definiríaos coma personaxes poliédricos porque teñen moitas caras, e todas elas ben definidas: desde a personalidade interior, a que amosan ós coñecidos, a que amosan ós descoñecidos, a que tiñan no pasado e mesmo segundas personalidades ou identidades. (O de poliédricos supoño que o teño lido nalgures, pídolle perdón ó autor por non identificalo, non creo que sexa idea orixinal miña).

E posto que non quero facer ningún spoiler da historia, só vou dicir unha cousa, ou dúas, sobre este tomo.

A primeira parte son dous números con dúas historias independentes, que como ven sendo habitual na serie non entorpecen para nada a historia principal da serie. A continuación ven o mellor, un dos grandes momentos da serie: unha historia en 5 números con ramas paralelas (un pouco retortas) que parece deixar as cartas enriba da mesa. 

Grande, apoteósico. Se xa estás a ler a serie, non sei a que esperas para mercar e ler este tomo, se non eres seguidor, non sei a que estás esperando, corre.

E xa para rematar: As portadas de Jock... Esto... ¿Do mesmo nivel que os comics Marvel de Jason Aaron?

martes, 8 de noviembre de 2011

Las aventuras de Tintín: El secreto del Unicornio

Este domingo fun ó cine ver a película Las aventuras de Tintín: El secreto del Unicornio. Cousa que te avisan así, como quen non quere a cousa, e te animas a ir ó cine.

Despois de moito tempo sen ir (Death Proof) fai xa uns meses entrei outra vez no mundo dos consumidores de películas en pantalla grande. As dúas experiencias anteriores foron moi diferentes: Green Lantern (película mala con ganas) e Super 8 (unha película moi divertida, perfecta para pasar unha tarde, a pesares do final un pouco decepcionante para o meu gusto).

E nada, fomos a ver Tintín os habituais nas tertulias de Banda, e esta é a miña impresión.

A película está ben feita, ten un ritmo moi rápido, tal vez demasiado rápido, posto que tende a acelerar a narración nalgúns momentos, e parece que o que fai é xuntar e xuntar cousas.

A película ten varias partes diferenciadas, coma se se tratase de un conxunto de episodios enlazados, feito que posiblemente se deba a que a película bebe de varios albums de Tintin: "El secreto del Unicornio", "El cangrejo de las pinzas de Oro" e "El tesoro de Rackham el Rojo" 

O comezo, coa historia das maquetas do Unicornio, a primeira incursión en Moulinsart e a aparición do Karaboudjan é para mín a mellor parte da película, moi rápida e divertida. A segunda "historia" relacionada coa fuga do Karaboudjan, o deserto e a cidade de Bagghar tamén está ben, pero tal vez sexa un pouco "aloucada" cun exceso de ritmo e falta de realidade... aínda que a secuencia-plano da "captura das 3 mensaxes" é puro espectáculo.

A parte final posiblemente sexa o máis frouxo dos tres bloques, moi acelerado, e cunha confrontación final a golpes de metal que non sei a que ven (o que viu a película sabe a que me refiro,  o que non, espero non estropearlla) . A continuación ven o "final Spielberg", que non me gusta, pero que se lle vai facer.

Eso sí, a película ten moito ritmo, en ningún momento te vas aburrir aínda que é moi posible que non a disfrutes tanto se tes 30 anos como se tes 10. É a película perfecta para levar ós teus fillos, sobriños... ó cine e preparar o agasallo de Nadal co obxectivo de introducilos na lectura. Aposto a que os albums  de Tintin van a ser un dos agasallos estrela destas festas de Nadal, tal e como eran na miña xuventude.

Con respecto á banda sonora, John Williams aporta o seu toque na película con multitude de temas diferentes tanto descriptivos como asociados a personaxes.Non hai ningún tema "máxico" como en Star Wars ou Indiana Jones, pero acompaña as imaxes de xeito perfecto. A mín a banda sonora lembrame moito as de Harry Potter con motivos cómicos e de suspense por toda a película. Unha banda sonora moi divertida.



domingo, 6 de noviembre de 2011

Os sábados en Banda Deseñada

Hai rumores de que vou ter que ler o Green Manor de Fabien Vehlmann & Bodart.

Son cousas que pasan. 

Tamén sería recomendable facer unha reseña, pero eso xa é outra historia. A primeira vista ten moi boa pinta, moi boa.

E a verdade é que sí, tal como di o amigo Zeke no seu curruncho en Banda Deseñada, parece que tamén se van acabar as charlas, discusión, compartir opinións... cos sospeitosos habituais dos sábados pola tarde en Banda.

Hai veces que toca de todo: cine, cómic, frikadas, fútbol (de alto voltaxe, e eso que o Deportivo-Celta é para a semana que ven...), musculación, prevención de riscos laborais, quen está máis boa... De todo un pouco.

Realmente foi un placer compartir a miña escasa cultura nalgúns temas, non tan escasa en outros, que sempre provoca momentos divertidos e curiosos como que te comparen con Ted Mosby... Xa non me lembro cal foi a frase exacta, pero foi un momento divertido.

E pouco máis hai que dicir. Como din en Apollo XIII, unha gran película para sacar citas:

Gentlemen, it's been a privilege flying with you.

jueves, 3 de noviembre de 2011

Sueño del Fevre

Sempre está ben ter unha irma que che faga agasallos polo cumpreanos e se o agasallo é Sueño del Fevre, mellor que mellor.

Sueño del Fevre é unha novela de George R.R. Martin de vampiros (si, de vampiros). Realmente é unha magoa non tela lido no ano 1982, ano no que foi escrita, porque para min é unha novela que lle da un novo punto de vista á literatura vampírica. 

É moi posible que non todo este boom moderno dos vampiros dado polo fenómeno Crepúsculo, o achegarse a unha novela de vampiros sexa algo que se faga con medo... Nada máis lonxe da realidade. Aquí non hai ñoñerías, o que hai é unha gran novela de personaxes, situada no Mississippi dos vapores, antes da Guerra Civil estadounidense.

Os personaxes deste libro son incribles. Abner Marsh, Joshua York, Damon Julian e Billy Vinagre son personaxes xeniais. Todos eles ben definidos, cunha personalidade completa e cunhas relacións entre personaxes moi ben tratadas ó longo da novela.  Todos eles teñen os seus soños, os seus intereses... quedando perfectamente identificados no libro, que debe o seu nome ó vapor que Joshua York lle encarga construir a Abner Marsh, que será o punto que inicie a relación entre estes dous personaxes.

Ademáis destes 4 protagonistas principais, está toda unha serie de secundarios coma son os principais membros da tripulación e un conxunto de vampiros que se debate entre dúas formas de ser totalmente diferentes. Por non falar da identificación vampiros-gando fronte blancos-negros, feita na época na que está ambientado o libro.

Un gran libro, onde non todo é o que parece. George R.R. Martin utiliza esto de maneira fabulosa para crear algúns momentos espectaculares do libro, como son as sospeitas de Abner Marsh sobre Joshua York. Destacaría ademáis os conflictos entre as dúas maneiras de enfrontar o ser un vampiro ou o apoteósico final do libro. Pero hai tal cantidade de grandes momentos no libro, que escoller só uns poucos semella despreciar os outros.

Monta no Sueño del Fevre e disfrutarás dunha viaxe inesquecible, con momentos de terror impresionantes e aventuras incribles. Non te arrepentirás.

viernes, 28 de octubre de 2011

Los viajes de Tuf

Agora que parece que George R.R. Martin está de moda é o momento de analizar a súa obra , alomenos o que teño lido eu,  sen entrar na agora famosa saga de A song of Ice and Fire.

O primeiro libro que lin de George R.R. Martin foi Los viajes de Tuf (1986). É un libro que recompila 7 relatos escritos entre os anos 1976 e 1985 nos cales o protagonista é Haviland. Tuf, mercader que se convirte en enxeñeiro ecolóxico no momento que "adquire" a Arca, unha xigantesca nave espacial.

A pesares de que o primeiro relato, La estrella de la plaga, unha especie de Alien o 8º pasaxeiro onde se explica como conseguiu Tuf a Arca, sexa o máis diferente en relación ós outros sete, non creo que ninguén se bote atrás na lectura porque o que ven a continuación é realmente bo. 

Unha serie de temas como  son a superpoboación e a falta de alimentos, a ecoloxía, a relación cos animais (eses gatos que son outros protagonistas máis do libro)... E como non, a forma de tratar ós personaxes, dotalos dunha personalidade propia e complexa, cos seus conflictos interiores, de tal maneira que chegas a empatizar, ou non, totalmente con eles,  fan que as páxinas avancen a unha velocidade sorprendente e te atopes reflexionando sobre a forma na cal aborda os distintos problemas Haviland Tuf.

Os relatos que compoñen o libro son relatos de ciencia ficción pero non entran en terreos farragosos, tales como a excesiva descripción tecnolóxica nin o abuso de terminoloxía científica ou pseudo-científica. A súa lectura é moi rápida e faise moi divertida. Para min, os mellores relatos son Una bestia para Norn e o conxunto formado por Los panes y los peces, Una segunda ración e Maná del Cielo. Estes son relatos que amosan claramente o carácter de Tuf e fan unha gran análise da forma de comportarse da sociedade fronte ós problemas e a súa solución.

Mención aparte merece a portada escollida para a nova edición, ahí aproveitando o tirón de A Game of Thrones de xeito pouco sutil. Pero que o posible comprador-lector non se leve a enganos, pode que non sexa o un novo volume de A song of Ice and Fire, pero este libro é un dos mellores que podes levar para casa co obxectivo de pasar un rato divertido durante a súa lectura, o bo de Haviland Tuf ben merece unha oportunidade.

PS: Xa facía tempo que non escribía, ou eso parece. Vai ter razón Zeke que son un pouco lacazán.

viernes, 5 de agosto de 2011

O bo que é malo é o malo que é bo

Non, este non é un post para falar dun novo spaghetti western...

En episodios anteriores, no blog de Banda Deseñada asistiuse a unha discusión moi interesante, polo menos para min, sobre cal é a peor película dunha lista de cinco. Cal resultou a gañadora non é o tema sobre o que vou a discutir agora, pero si o vai ser, en certa maneira, algo observado durante o proceso de elección e sobre o teño falado con máis xente. Eso sí, neste caso referido ó mundo do cómic.

Non vos ten pasado escoitar ou ler falar dun cómic que vos parece  malo, ou moi malo, e que a xente o pon polas nubes. Excelente, un clásico, Obra Maestra...

Ou o contrario... un cómic que a ti che parece moi bo, e que ó resto da xente lle parece infumable, ou que responde cun pssss, pode valer, está ben... E non entende a túa defensa de tal título. Aquí aparecen frecuente mente unha serie de prexuizos que provocan que a valoración da obra sexa menor do que se merece.

Monster, gran serie, pero que para moita xente o final non lle fai xustiza. Monster ten un autor e o autor quere que ese sexa o seu final. Non todo vai ser votar se queremos que morra ou non Robin...

Dentro desta categoría tamén incluiría o All Star Superman, sobre o que pesan os prexuizos sobre o seu guionista, e moito. Poderíase dicir que neste caso todo son prexuizos, pero non. A min gustame bastante, por non dicir moito, Antes del Incal (aínda que o último número sexa  feito para enlazar con El Incal...). Pareceme unha lectura entretida.

Nestes momentos estou a ler, entre outras cousas, Cerebus Alta Sociedad. Parece un cómic moi grande, no cal se pode ver unha representación crítica do sistema electoral, sistemas de financiación (tan de moda hoxe en día), maniobras políticas na escuridade. Moi bo, e ben narrado. Disfrutando coma un cativo. Aínda que me dá que moita xente non o disfrutou do mesmo xeito ca min...

Realmente cómic que para min sexa malo é o resto da xente lle pareza bo, non se me ocorre ningún.  Posiblemente o Spiderman de Straczynski (no seu conxunto), JLA Heaven's Ladder (Buff), The Maxx... E eso que non se me ocorría ningún...

E chegados a este punto, se alguén vai a ler esto, e o momento de pedir algo de realimentación. ¿Hai por ahí algún cómic que incluiríades nalgunha desas categorías?

sábado, 25 de junio de 2011

Escribir ou non escribir

Escribir ou non escribir...

Unha decisión complexa, posto que non a todo o mundo lle ten que interesar o que estou a ler, ver, pensar, facer... Sexa o que sexa.

Pero unha vez pasado este primeiro trámite e tomada a decisión "Pois sí, vou escribir algo" avanzamos ata o seguinte punto de toma de decisión.

¿Qué fago?  ¿Son unha persoa crítica e ataco sen piedade o último libro, comic, DVD que vin? Ou simplemente escribo reseñas boas, nas cales alabo as virtudes da obra que acabo de gozar?

É unha decisión relevante, posto que a posible repercusión dunha crítica destructiva sempre é maior que a dunha crítica favorable.

Pero agora que o penso, dado que é moi posible que ninguén vaia ler esto... ¿Por qué o estou a escribir? Aínda que pode que realmente o escriba xa que non teño nada lido sobre o que escribir... Non che sei.

viernes, 17 de junio de 2011

Algo para comezar

Por algo hai que comezar. É algo complexo cando últimamente non leo moito, por non dicir nada. Pero as presións poden con un.

 Lacazán, é o mellor cualificativo co que se me pode definir. Aínda que pode quedarse curto.

Ler non lerei, pero mercar sigo mercando...  Ahí están eses tomos esperando para ser lidos e disfrutados, ou non, que de todo pode pasar.  Entre eles destacaría os seguintes:

Murena. 4 álbumes europeos nun tomo. Serie histórica que promete moito. Moi bo debuxo e unha historia do máis interesante nunha primeira ollada.

Por qué odio Saturno. Lin moi pouco pero tamén ten moi boa pinta (Faille caso ó teu libreiro). Nunca lera nada de Kyle Baker e promete. O debuxo non atrae moito a primeira vista, pero unha vez que o ves, empezas a mergullarte nos detalles, na expresividade das facianas, e cóllete, coma un catarro a finais de agosto unha noite que saes sen chaqueta... (¬¬)

Fábulas: Rosa Roja. Espero que sexa tan bo coma o resto da serie. O "gran crossover" non conta, como tampouco conta a última de Indiana Jones.

El grito del pueblo: Tardi. Ocorre o mesmo que con Kyle Baker. De Tardi si que tiña lido algo (Balada de la costa oeste) e teño Adele Blanc-Sec sen ler (vergoña me tiña que dar). O debuxo gústame, ten o seu aquel. Para comentar a historia, tería que ler, aínda que o deporte crítico por excelencia e o comentar sen ler, nin ter idea, non é algo moi recomendable.

Moitas máis cousas por ler: Planetary, Starman...  algún que outro libro interesante que me deu por mercar (esto de mercar libros en inglés é un mal vicio...) aínda que polo que me está a dar ultimamente é polo running, que funciona estupendamente para desconectar da realidade. A ver se os ánimos volven cara arriba, que é onde sempre deben estar.

Espero que este post xa sexa tido en conta como tal, e non volva a recibir críticas (merecidas) cando volva a pasar por Banda Deseñada a mercar algo ou simplemente a saudar. Xa...xa.

jueves, 7 de abril de 2011

Comezamos

Pois sí.

Ó final decidín crear un blog, no cal me dedicarei a comentar as miñas lecturas, as películas que vaia vendo e algunha que outra cousa que se me vaia ocurrindo.

É o que ten ter tempo libre.